Esta semana temos unha receita post-Entroido, que en realidade vale para calquera época do ano: potaxe de lentellas con verduras e “calabizos”. Cada vez máis populares, os calabizos son un embutido vegano a base de cabacú e fabricado en Nigrán. Están dispoñibles en versión picante ou doce, podedes consultar os puntos de venda na súa web .
O nome de lentellas viúvas sempre me sonou un pouco raro, e despois de preguntar en Twitter chegáronme variantes como “lentellas pobres” ou “espidas”. En todo caso, un prato san e lixeiro que fai moi avío 😉 Se vos apetece probar outra receita de lentellas, botádelle un ollo a este gorentoso hummus.
Ingredientes (para 5-6 racións)
4 culleres aceite de oliva, máis un pouco para fritir os calabizos
1 cebola
2 dentes de allo
3 cenouras medianas
2 patacas medianas
300 gr. de lentellas tipo pardina
2 follas de loureiro
3 calabizos, doces ou picantes
Dúas culleriñas de sal
Un belisco de comiño, opcional
1300 ml de auga
- Pelamos e picamos a cebola e os dentes de allo.
- Poñemos o aceite a quecer nunha pota grande.
- Fritimos a lume medio 5 min, mentres pelamos e cortamos as cenouras e as patacas en anacos de 3 cm de grosor, aprox
- Botamolos Deixamos 10 min
- Engadimos as lentellas e a auga, con sal e dúas follas de loureiro.
- Cocemos a lume medio-alto durante 45 minutos. Comprobamos a textura e o punto de sal. Se están duras, deixámolas 5 ou 10 minutos máis.
- Pódense comer ao momento, pero estarán moito máis ricas ao día seguinte. Pódense gardar no frigorífico 3 ou 4 días, ou conxelar racións quitándolle a pataca.
Que aproveite!
Ola Xiana, en que momento engades os calabizos ao pote? Frítelos primeiro?
Ola Esteban! Ao final, non fai falta fritilos, aínda que iso vai ao gusto de cada un. Un saúdo!