Hummus de lentellas

Este hummus é adictivo! Quedades avisados… Son moi fan do hummus “normal” pero unha vez que probei este nun restaurante, fiquei ca idea de repetilo na casa, e que bo resultado! Para facelo usei lentellas pardinas, pero calquera outro tipo valerá: tendeo en conta para o tempo de cocción!

Se aínda non probastes o hummus de garabanzos, botádelle un ollo a esta receita, máis doada imposible!

Ingredientes (para 6-8 racións)

200 gr de lentellas

Unha culler de tahini

Zume de medio limón

6 culleres de aceite de oliva

Un belisco de sal

1/4 culleriña de comiño

Media pastilla de caldo de polo ou verduras

Unha folla de laurel

Unha caiena (opcional)

Un dente de allo picado (opcional)

Pementón doce

  1. Nunha tixola grande botamos as lentellas, o caldo e a folla de loureiro. Engadimos 700 ml. de auga e quecemos a lume alto ata que ferva. Despois baixámolo a medio e deixamos cocer ata que case non quede auga (uns 40 minutos, aproximadamente).
  2. Botamos o loureiro ao lixo e metemos as lentellas nun triturador ou robot de cociña xunto co resto dos ingredientes.
  3. Batemos ata formaren unha pasta e deixamos repousar unhas horiñas no frigorífico. OLLO: esta pasta seca máis cá de garabanzos, así que é boa idea engadir un pouco máis de aceite por riba antes de gardalo.
  4. Servímolo con pan torrado, de pita, ou galletas salgadas tipo Mariñeiras. Botámoslle unhas pingas de aceite e pementón doce para decoraren.

Que aproveite!

hummus-lentellas-3

 

Un comentario en “Hummus de lentellas”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *