A historia deste queique comeza en Twitter, onde por casualidade vin un queique de aguacate (abacate?) cun glaseado de limón. Como estaba un pouco perquiceira e só tiña un aguacate, decidín subtituír o iogur dos queiques máis clásicos por este.
O resultado non me podía gustar máis: quedou moi saboroso (a graxa da polpa transmite moi ben os aromas) e súper tenro, aguantando así 4 días polo menos. Ademáis, é apto para quen teña intolerancia á lactosa. Se vos gustan os queiques con froita, botádelle un ollo a este clafoutis de mazá, ou este queique de amorodos, que agora comezan a estar en tempada.
Ingredientes (para un queique de 8 porcións, aprox)
4 ovos medianos
80 ml de aceite de oliva, máis un chisco para o molde
160 gr de azucre
Un aguacate pequeno
Zume e reladura de medio limón
250 gr de fariña (de espelta ou de trigo)
Media culleriña de bicarbonato
Un belisco de sal
Azucre glas para decoraren
- Prequentamos o forno a 180 graos
- Nun bol grande batemos os ovos, o azucre, o aceite de oliva e a reladura de limón.
- Pelamos o aguacate, sacámoslle o carozo e esmagamos cun coitelo, ata facer unha pasta.
- Engadimos a pasta ao bol, seguimos batendo ata obter unha masa homoxenea.
- Mesturamos a fariña nun prato co bicarbonato e o sal.
- Incorporamos o zume de limón e a mestura da fariña aos poucos, sen deixar de bater.
- Untamos un molde metálico co aceite de oliva, colocamos un papel de forno cas medidas do molde ao largo.
- Cocemos durante 30-35 minutos.
- Deixamos arrefriar e decoramos co azucre glas.
Que aproveite!