Non vós dá gusto usar só unha pota para cociñar? A min moito, por iso fago de cando en vez estas receitas, que además prestan moito ao día seguinte: os sabores mestúranse e fanse máis intensos…todo vantaxes! Consello: para esta receita cómpre botar todas as partes do polo, pel incluida, para que teña máis graxa e sabor. Non o fagades só con peitos de polo porque ha quedar moi seco.
Os que seguides a páxina xa sabedes que me gusta moito a carne de polo, é versátil e barata. Se queredes máis ideas, botádelle un ollo a este polo con mollo estilo coreano (adictivo!), ao guiso de polo con viño tinto, ou este gorentoso polo tenro con xenxibre.
Ingredientes (para 3 racións, aprox.)
1 quilo de polo cortado para guisar
Dous allos porros
3 patacas medianas
300 ml de cervexa
Unha presa de fariña
8 culleres de aceite de oliva virxe extra
Sal e pementa ao gusto
Unha culleriña de curri en po (opcional)
- Botámoslle sal e pementa aos anacos de polo e rebozámolos ca fariña.
- Quecemos cuatro culleres de aceite de oliva a lume medio, nunha tixola grande.
- Pasamos os anacos á tixola, e cando estean dourados polos lados retírámolos a un prato aparte.
- Cortamos a parte branca dos allos porros en rodas finas, e gardamos a verde.
- Engadimos as outras cuatro culleres de aceite na pota e cocemos as rodas de allo porro a lume medio ata que comecen a transparentar un pouco.
- Mentres, pelamos e cortamos as patacas en anacos de 3×3 cm (aproximadamente).
- Botamos as patacas na pota, cubrímolas co polo e botamos a cervexa, o curri e os talos verdes do allo porro.
- Cocemos a lume medio durante uns 40 minutos, ata que as patacas estean brandas pero non moito.
- Retiramos o verde do allo porro, deixamos repousar, e xa está listo para comer. A miña recomendación é que o deixedes repousar un día enteiro polo menos.
Que aproveite!!