Esta receita é para os que din que non lles gusta a carne de polo porque é moi seca… Con este método ides lograr uns filetes ben tenros e saborosos. Xa sabedes que non como moita carne, pero a de polo é a miña favorita: botádelle un ollo a estas albóndegas de polo con ananás, polo rebozado á moda xaponesa ou este guiso de polo ao viño tinto.
Ingredientes (para 4 persoas)
4 ou 5 dentes de allo, ben picados
3 culleres de zume de limón
5 culleres de aceite de oliva
2 culleriñas de xenxibre fresco, relado fino
1 feixe pequeno de coandro fresco
1 culleriña de cúrcuma (opcional)
1 culleriña de sementes de coandro moídas
1/2 culleriña de caiena moída
2 peitugas de polo, cortadas transversalmente.
1. Nun recipiente fondo, botamos o allo, o zume, 3 culleres de aceite, o xenxibre, o coandro moído, 4 ou 5 follas de coandro fresco picado, a cúrcuma, a caiena e o sal.
2. Metemos o polo nunha bolsa grande e resistente, botamos a mestura do paso anterior, pechamos e esmagamos coas mans para repartir ben o mollo.
3. Deixámolo repousar no frigorífico durante 2 horas.
4. Nunha pota grande, botamos 2 culleres de aceite, e engadimos o polo tal e como saia da bolsa. Co lume alto, pasamos os filetes 1 ou 2 minutos por cada lado.
5. Tapamos a pota, baixamos o lume ao mínimo e deixamos cociñar (sen levantar a tapa) uns 10 minutos.
6. Retiramos do lume e deixámolo tapado outros 15 minutos.
7. Servimos acompañado dunhas follas de coandro fresco picado.