Os que ledes este blog dende o principio xa sabedes que eu son moito de meter cousas nos queiques e tamén moi fan do queixo do Cebreiro, así que era unha cuestión de tempo que se xuntaran as dúas cousas 😉 Se non tendes este queixo, podédelo cambiar por requeixo ou algún outro queixo cremoso.
Esta torta é moi doada de facer (non está na sección “Especial badocas” por nada!) e ten un sabor moi suave que seguro que lle gusta ata a aqueles que non gustan do queixo. Podédela acompañar de mel, marmelada de froitos vermellos, marmelo ou noces. En calquera caso, está deliciosa!
Ingredientes (para 6 racións, aproximadamente)
3 ovos
150 gramos de queixo do Cebreiro
1 iogur grego
1 medida (de iogur) de azucre
1 medida e cuarto de fariña
2 medidas de leite gordo (enteiro)
Un belisco de sal
Un chisco de manteiga ou aceite de xirasol para engraxaren o molde
- Prequentamos o forno a 180º
- Quentamos un pouco o queixo no microondas, para que abrande, pero sen chegar a derreter.
- Nun bol batemos todos os ingredientes ata formaren unha crema homoxenea.
- Engraxamos o molde (eu usei un de 20 cm de diámetro e aínda sobrou un pouco para outro máis pequeno).
- Botamos a crema, deixando un par de centímetros de marxe co borde superior do molde. A masa ha subir bastante, e non queremos que saia polas beiras.
- Cocemos no forno ata que quede dourado/marrón polas beiras, e a parte do centro un pouco máis branda. Así queda máis cremosa: se vos gusta sequiña, deixádea un pouco máis no forno.
- Deixamos arrefriar, e cando estea completamente fría (ha baixar todo o que subiu no forno), servímola.
Que aproveite!
Isto ten unha pinta impresionante!!!!! Parabéns pola receita! 😉
Ola Silvia! Graciñas polo teu comentario! Se te animas a facela, xa conctarás que tal. Paga moito a pena! Un saúdo
Vou pola terceira, é unha delicia.
Ola Carmen! Que ledicia! Vou publicar outra torta de queixo proximamente que tamén está boísima 😉
Que delicia, en casa somos auténticos ratiños, amantes do queixo do cebreiro e das tartas de queixo, xa teño a receita ben apuntada.
Bicos
Ola! Moitas grazas polo teu comentario, pronto vai haber máis receitas con queixo 😉 Un saúdo!
Pintaza! É co larpeiros que somos… Porriba regalaronme un queixo do cebreiro á semana pasada, quedará máis ou menos pra tarta. Aló imos. Graciñas!!