Torta de queixo do Cebreiro

Os que ledes este blog dende o principio xa sabedes que eu son moito de meter cousas nos queiques e tamén moi fan do queixo do Cebreiro, así que era unha cuestión de tempo que se xuntaran as dúas cousas 😉 Se non tendes este queixo, podédelo cambiar por requeixo ou algún outro queixo cremoso.

Esta torta é moi doada de facer (non está na sección “Especial badocas” por nada!) e ten un sabor moi suave que seguro que lle gusta ata a aqueles que non gustan do queixo. Podédela acompañar de mel, marmelada de froitos vermellos, marmelo ou noces. En calquera caso, está deliciosa!

Ingredientes (para 6 racións, aproximadamente)

3 ovos

150 gramos de queixo do Cebreiro

1 iogur grego

1 medida (de iogur) de azucre

1 medida e cuarto de fariña

2 medidas de leite gordo (enteiro)

Un belisco de sal

Un chisco de manteiga ou aceite de xirasol para engraxaren o molde

  1. Prequentamos o forno a 180º
  2. Quentamos un pouco o queixo no microondas, para que abrande, pero sen chegar a derreter.
  3. Nun bol batemos todos os ingredientes ata formaren unha crema homoxenea.
  4. Engraxamos o molde (eu usei un de 20 cm de diámetro e aínda sobrou un pouco para outro máis pequeno).
  5. Botamos a crema, deixando un par de centímetros de marxe co borde superior do molde. A masa ha subir bastante, e non queremos que saia polas beiras.
  6. Cocemos no forno ata que quede dourado/marrón polas beiras, e a parte do centro un pouco máis branda. Así queda máis cremosa: se vos gusta sequiña, deixádea un pouco máis no forno.
  7. Deixamos arrefriar, e cando estea completamente fría (ha baixar todo o que subiu no forno), servímola.

Que aproveite!

torta-queixo--1 torta-queixo-2 torta-queixo-3

8 comentarios en “Torta de queixo do Cebreiro”

    1. Ola Silvia! Graciñas polo teu comentario! Se te animas a facela, xa conctarás que tal. Paga moito a pena! Un saúdo

    1. Ola Carmen! Que ledicia! Vou publicar outra torta de queixo proximamente que tamén está boísima 😉

  1. Pintaza! É co larpeiros que somos… Porriba regalaronme un queixo do cebreiro á semana pasada, quedará máis ou menos pra tarta. Aló imos. Graciñas!!

Deixa una resposta a xamon Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *