Xa hai tempo que quería facer un queique con amorodos dentro (e non por riba) pero tiña medo que o zume cortara a masa. Ao final atopei unha receita do sur dos Estados Unidos (perdín a ligazón :S) que ben serve para facer un pastel de aniversario ou como merenda para unha tarde especialmente larpeira.
Aínda que eu non o fixen, penso que o acompamento ideal sería unha bóla de xeado de vainilla ou nata batida. MMMMHHHH! Leva moita manteiga, pero o resultado final é moi lixeiro!
Ingredientes (para 10 racións aprox.)
150 gramos de amorodos en cachiños
250 gramos de azucre
325 gramos de fariña
200 gramos de manteiga (do tempo)
2 ovos grandóns
1 vaso de leite enteiro
3 culleres de zume de limón
3 culleres de xelatina de amorodo
1/2 culleriña de extracto de vainilla
1/2 culleriña de bicarbonato sódico
Un belisco de sal
Aceite de xirasol para engraxar o molde
Azucre glas para a decoración
- Quentamos un chisco a manteiga no microondas, sen que chegue a derreter. Botámola nun bol co azucre e batemos ca batidora ata facer unha crema branquiña.
- Botamos unha culler de zume de limón no vaso de leite e deixamos repousar 15 minutos. Isto é a versión caseira do buttermilk, e ha servir para que o bicarbonato funcione coma fermento.
- Prequentamos o forno a 170º.
- Nun prato fondo mesturamos a fariña co bicarbonato, a xelatina e o sal.
- No bol do paso 1 engadimos os ovos, o resto do zume e mailo extracto de vainilla, batemos.
- Engadimos o leite e a mestura da fariña a modiño, batendo ben para que non queden grumos. A masa irá quedando cada vez máis rosiña polo efecto da xelatina.
- Engadimos os amorodos e batemos un chisco máis:
- Engraxamos un molde que sexa un pouco fondo.
- Cocemos no forno durante 30-40 minutos, ou ata que ao meter un coitelo saia seco. Deixamos arrefriar (mellor encima dunha reixa, para que saia a humidade) e decoramos cun pouco de azucre glas.
Que aproveite!
5 comentarios en “Queique de amorodo”