Torta de queixo estilo xaponés

É unha das receitas máis breves e sinxelas que ides atopar en toda a páxina! Tanto, que só ten tres ingredientes, catro se contamos o chisco de sal 🙂 As tortas de queixo “xaponesas” adoitan ser moi lenes e de sabor suave, cunha textura semellante aos sufflés.

A receita orixinal non é tradicional: seica hai uns anos que unha moza xaponesa colgou a súa receita en Youtube, que acabou por ser viral. Non é de estrañar, xa que paga moito a pena facer este doce: pouco esforzo e un resultado abraiante! O único a ter en conta é o molde: precísase un redondo de 20-22 cm. de diámetro e 4 cm de altura, polo menos, e outro máis grande para metelo con auga.

Para os que sodes fans das tortas de queixo, botádelle un ollo a esta de queixo do Cebreiro, ou esta de queixo de cabra e iogur grego.

Ingredientes (para unha torta de 4-6 racións)

4 ovos pequenos, ou 3 grandes
150 gr. de chocolate branco
125 gr. de queixo crema (tipo Philadelphia)
Un belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 170º.
  2. Rachamos o chocolate en anacos e colocámolo nun bol para derretelo no microondas a potencia baixa. O mellor é ir facendo quendas curtas, para que non haxa risco de que churrusque. Outra alternativa é derretelo nunha pota a lume moi baixo.
  3. Remexemos o chocolate derretido e mesturámolo co queixo e co sal ata formaren unha masa homoxénea.
  4. Separamos a clara dos ovos nun bol grande e botamos as xemas na mestura do paso 2, remexendo ata que mesturen ben
  5. Montamos as claras a punto de neve ata que fagan “picos”, é dicir, que teñan unha textura moi consistente.
  6. Engadimos un pouco do punto de neve á outra mestura, remexendo sempre na mesma dirección para evitar que se desfaga moito. O mellor é empregar unhas variñas manuais, ou senón, dous garfos.
  7. Engadimos o resto do punto de neve en dúas quendas, repetimos o paso 5.
  8. Metémolo no molde pequeno e colocámolo no molde grande. Despois botamos auga ata que chegue á metade do molde pequeno.
  9. Cocemos no forno durante 25-30 minutos, ata que estea ben dourado por riba. Apagamos o forno e deixamos estar 15 minutos máis, depois sacamos o molde principal e deixamos que arrefríe nun mesado. A masa ha baixar moito: é normal.
  10. Deixámolo repousar un mínimo de 4 horas, e servímolo con marmelada de froitos vermellos, ou con crema de cacao.

Que aproveite!

torta_queixo_2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *