Como gusto das albóndegas! Despois de facelas con mostaza e con xamón, quería probar algo distinto, así que aquí vai unha proposta moi orixinal e ademáis, lixeira. Parece que leva moitos ingredientes pero ao final non son tantos, algúns repítense 😉
Estas albóndegas de polo con ananás tamén se coñecen coma “estilo teriyaki”, pero non sei moi ben a historia… O caso é que están boísimas, o mollo é moi gorentoso, seguro que non queda nada porque todo o mundo anda a rebañar nel! A receita orixinal atopeneina en inglés, é esta, aínda que un pouco máis sinxela.
Ingredientes (para 16-18 pezas)
400 gr. de carne picada de polo
3 rodas de ananás en conserva
Miolos dunha rebanda de pan
125 ml. de leite quente
1 cebola tenra
1 dente de allo pequeno, ben picado
1 ovo
4 culleres de “panko”, ou no seu defecto, pan relado
1/4 culleriña de sal
1/4 culleriña de pementa negra moída
Aceite de xirasol para untar a bandexa do forno
Ceboliño picado, para a decoración (opcional)
Para o mollo:
3 culleres de prebe de soia
80 ml. de auga
80 ml. de zume de ananás (o da conserva vale ben)
60 gr. de azucre de caña
1 culler de Maizena + 1 culler de auga morna
1 culleriña rasa de xenxibre en po (opcional)
1 dente de allo pequeno, picado
- Prequentamos o forno a 180º.
- Engraxamos a bandexa do forno con aceite de xirasol, axudándonos cun pano de papel.
- Quecemos o leite nunha taza e metemos o pan dentro, para que chunche o líquido.
- Nun bol grande mesturamos todos os ingredientes das albóndegas (agás o ceboliño), tendo conta de que estean ben picados. O ovo é mellor botalo batido.
- Prequentamos o forno a 180º.
- Remexemos coas mans ata mesturar todo. Ha quedar unha masa moi húmida, pero é normal. Se non sodes quen de facer albóndegas con ela, engadide un pouco máis de panko.
- Cunha culler sacamos bolas de masa e facemos bolas duns 4 cm. de diámetro. Colocámolas na bandexa, e deixámolas cocer no forno durante 20 minutos, aproximadamente.
- Para facer o mollo, quentamos todos os ingredientes nunha tixola, menos a Maizena.
- Disólvemos a Maizena cun pouco de auga e botámola no resto do mollo, así non quedarán grumiños. Deixamos quecer 5 minutos máis a lume medio.
- Colocamos as albóndegas nun prato, vertemos o mollo por riba e decoramos cun pouco de ceboliño en anacos. Servimos inmediatamente.
Que aproveite!
Un comentario en “Albóndegas de polo e ananás”