O polo karaage (o equivalente galego sería “caraxe”?) é un prato típico nas tabernas e furanchos xaponeses, e prepárase dun xeito similar á tempura. É unha maneira deliciosa de facer o polo e penso que lle gustará a todo o mundo, só hai que axustar os ingredientes segundo os comensais: se son nenos, botarlle menos allo, ou se alguén lle ten manía ao xenxibre pois botarlle menos, etc.
En Xapón gustan moito de facelos con contracoxas de polo, máis graxas e ca pelciña crocante, pero a versión con peituga de polo tamén está moi boa, aproveitase máis e é máis sá. Tamén se pode facer con carne de tenreira ou incluso peixe, a cousa é ir probando! Tamén podedes botarlle un ollo a este polo estilo coreano, ou a esta receita de polo rebozado ao mel.
Para un mellor resultado é mellor deixan mariñar a carne durante 24 horas, e se non se pode, coma mínimo, dous. Para acompañalo tómase maonesa xaponesa (feita con soia e vinagre de arroz), pero como non tiña, engadinlle unhas pingas de soia á maonesa normal e voilà!
Ingredientes ( dúas racións coma prato principal, tres ou catro coma entrante)
500 gr. de peituga de polo
5 culleres de mollo de soia
1 dente de allo, cortado e esmagado no morteiro
1 culleriña de xenxibre en po
4 culleres de Maicena
Aceite de xirasol para fritir
Sal e pementa
- Cortamos o polo en anacos máis ou menos iguais, que se poidan comer dun bocado.
- Nunha bolsiña de plástico (mellor se é hermética) mesturamos a soia, o xenxibre e o allo. Engadimos o polo, remexemos cas mans e deixámolo repousar na neveira (Lembrade: mínimo 2h.)
- Nun prato fondo poñemos a Maicena.
- Quecemos o aceite nunha tixola. Acantidade variará dependendo do diámetro desta, pero ha de ser dabondo para chegar aos anacos de polo pola metade.
- Cun garfo imos rebozando o polo na Maicena e fritíndoo cando o aceite estea ben quente.
- Cando douren por un lado dámoslles a volta.
- Imos retirando os anacos a un prato tapado con papel de cociña.
- Deixamos arrefríar un pouco e servimos cun pouco de maonesa con ou sen soia.
Que aproveite!
Que boa pinta, vou probalo seguro¡¡
Ola Raquel! Seguro que has quedar contenta, queda boísimo! Moitas grazas polo ten comentario 🙂 Un saúdo
Boa pinta! “karaage” pronuncia-se “cara-ague”.
Ola Mr. Ajikko! Graciñas pola aclaración, non tiña nin idea. Un saúdo
Ten moi boa pinta. Haberá que probalo!
Se o probas repites seguro 😉 Un saúdo!