Blondie

Esta semana traemos unha receita ben larpeira, que presta moito con este frío e que de seguro non ha durar nadiña unha vez feita, porque o resultado é boísimo. O blondie e un brownie de chocolate branco, e aínda que esta versión leva noces, pódense cambiar perfectamente por abelás, pistachos e incluso por anacos de granola.

Se queredes probar un blondie de chocolate negro pero un pouco distinto, pasádevos por esta receita de brownie con centeo, ou se queredes chocolate a secas, por esta de cookies de chocolate 😉

Ingredientes (para 8-9 porcións)

Dúas tabletas de chocolate branco (200 gr.)

50 ml de nata líquida 35% MG

2 ovos grandeiros

110 gr de manteiga, a temperatura ambiente

100 gr de fariña

100 de azucre

Dúas presas de noces peladas e cortadas en anacos

Un belisco de sal

Unhas pingas de aceite de xirasol

  1. Quecemos o forno a 180º.
  2. Nun bol grande, botamos 100 gr de chocolate branco en anacos coa nata líquida e quecémolo no microondas a potencia media en intervalos de 30 segundos. Se non tendes microondas, podédelo facer ao baño María .
  3. Noutro bol, batemos oazucre e a manteiga ata facermos unha pasta. Engadimos a mestura do chocolate derretido e batemos ata que estea homoxéneo.
  4. Botamos un ovo, batemos ata incorporalo e repetimos o paso co 2º ovo.
  5. Botamos a fariña e o sal, mesturamos.
  6. Por último, botamos o resto do chocolate branco e as noces, remexemos ata que se mesture ben co resto da masa.
  7. Engraxamos un molde cadrado (duns 25 cm aprox) cun chisco de aceite de xirasol.
  8. Vertemos a mestura e cocémola a altura media durante 25 minutos, aproximadamente.
  9. Deixamos arrefriar, sacamos do molde e cortamos. A min quedáronme pébedas de chocolate bastante grandes, e tívenas que ir apañando do molde, pero se as facedes moi pequenas, non haberá problema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *