Polo fritido á xaponesa

O polo karaage (o equivalente galego sería “caraxe”?) é un prato típico nas tabernas e furanchos xaponeses, e prepárase dun xeito similar á tempura. É unha maneira deliciosa de facer o polo e penso que lle gustará a todo o mundo, só hai que axustar os ingredientes segundo os comensais: se son nenos, botarlle menos allo, ou se alguén lle ten manía ao xenxibre pois botarlle menos, etc.

En Xapón gustan moito de facelos con contracoxas de polo, máis graxas e ca pelciña crocante, pero a versión con peituga de polo tamén está moi boa, aproveitase máis e é máis sá. Tamén se pode facer con carne de tenreira ou incluso peixe, a cousa é ir probando! Tamén podedes botarlle un ollo a este polo estilo coreano, ou a esta receita de polo rebozado ao mel.

Para un mellor resultado é mellor deixan mariñar a carne durante 24 horas, e se non se pode, coma mínimo, dous. Para acompañalo tómase maonesa xaponesa (feita con soia e vinagre de arroz), pero como non tiña, engadinlle unhas pingas de soia á maonesa normal e voilà!

Ingredientes ( dúas racións coma prato principal, tres ou catro coma entrante)

500 gr. de peituga de polo

5 culleres de mollo de soia

1 dente de allo, cortado e esmagado no morteiro

1 culleriña de xenxibre en po

4 culleres de Maicena

Aceite de xirasol para fritir

Sal e pementa

  1. Cortamos o polo en anacos máis ou menos iguais, que se poidan comer dun bocado.
  2. Nunha bolsiña de plástico (mellor se é hermética) mesturamos a soia, o xenxibre e o allo. Engadimos o polo, remexemos cas mans e deixámolo repousar na neveira (Lembrade: mínimo 2h.)
  3. Nun prato fondo poñemos a Maicena.
  4. Quecemos o aceite nunha tixola. Acantidade variará dependendo do diámetro desta, pero ha de ser dabondo para chegar aos anacos de polo pola metade.
  5. Cun garfo imos rebozando o polo na Maicena e fritíndoo cando o aceite estea ben quente.
  6. Cando douren por un lado dámoslles a volta.
  7. Imos retirando os anacos a un prato tapado con papel de cociña.
  8. Deixamos arrefríar un pouco e servimos cun pouco de maonesa con ou sen soia.

Que aproveite!

polo_karaage_3

7 comentarios en “Polo fritido á xaponesa”

    1. Ola Raquel! Seguro que has quedar contenta, queda boísimo! Moitas grazas polo ten comentario 🙂 Un saúdo

Deixa una resposta a Mr. Ajikko Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *