Xa sabedes que o polo é unha das miñas carnes favoritas*: vai ben con case todo! Desta vez probei a facer unha combinación doce-salgado, ademáis de crocante, e quedou super ben! Os filetes están bos só co rebozado, pero o mollo fai un contraste delicioso: é adictivo!
Se vos sobra mollo, coma me pasou a min, podedes probalo con filetes de porco, ou incluso de pato. Ou máis sinxelo: como acompañamento para un arroz ou un puré de patacas.
A receita é unha adaptación desta, pero cunhas proporcións máis axeitadas á xente que non vive en Norteamérica (menos mollo, menos fariña e menos ovo :D)
Ingredientes (para 2 ou 3 racións):
400 gr. de filetes de peito de polo
150 gr. de fariña
1 ovo grande, batido
1 culleriña de tomiño
1 cullleriña de ourego
1/2 culleriña de pementón
Sal e pementa
300 ml de aceite de xirasol, pra fritir
Para o mollo:
100 ml. de mel
2 culleres de mollo de soia
1 dente de allo, picado todo o que poidades
1 culler de Maizena
- Botamos o mel, a soia e o allo nunha tixola. Quecemos a lume medio durante 15 minutos.
- Nun vaso con 50 ml. de auga disolvemos a Maizena e engadimos esta mestura á tixola. Remexemos un par de minutos e retirámola do lume.
- Nun prato fondo, mesturamos a fariña e as especias. O ovo ha de estar noutro prato fondo, a carón.
- Se os filetes son moi largos, cortámolos en tiras: así collerán máis rebozado. Botámoslles sale e pementa, pasámolos polo prato da fariña, polo do ovo batido e outra vez na fariña, premendo ben para que quede compacto.
- Quecemos o aceite de xirasol nunha tixola pequena, cando estea ben quente botamos a fritir o polo. Con 2 ou 3 minutos por cada lado é dabondo, non fai falla que quede marrón.
- Retirámolo a un prato cuberto con papel de cociña.
- Servimos nos pratos: podedes botar o mollo por riba ou poñelo nunha cunca, por se a alguén non lle gustase (hai xente pra todo).
Que aproveite!
*”Eu o que quero é polo” non quedaba moi ben coma nome, pero é así…
2 comentarios en “Polo rebozado ao mel”