Esta sobremesa é unha ledicia, especialmente despois dunha boa paparota! A mousse é dixestiva e lixeira, ideal para facer nestas festas; esta ten un sabor a limón intensísimo: tanto, que se non vos gusta así e queredes que quede máis suave, probade a botarlle un limón no canto de dous. A receita é unha adaptación desta outra.
A miña recomendación é que a deixedes repousar no frigorífico toda a noite, se non tendes tempo, polo menos dúas horas. Se sobra, pode gardarse ben na neveira dous ou tres días. Se vos gustan as mousses, botádelle un ollo a esta de manga, ou a esta torta de mousse de chocolate e café. Se por casualidade tendes limóns de sobra na casa, pode que vos interese este artigo: Cinco trucos para facer cun limón.
Ingredientes (para 4-6 racións)
3 ovos grandeiros
2 limóns
200 ml de nata para bater
200 gr. de azucre
6 culleres de auga
10 gr. ( un sobre, ou 6 láminas) de xelatina neutra
Un belisco de sal
Aménodas picadas, para a decoración
- Relamos os limóns e facemos zume deles.
- Separamos os ovos en claras e xemas.
- Nun bol grande botamos as xemas, o azucre, o zume e o relado de limón. Batemos todo ata que aclare a cor e teña unha consistencia homoxénea.
- Quecemos a auga nun prato fondo, no microondas. Cando estea quente, pero non fervendo, botamos a xelatina e remexemos ben cunha culler, mellor de metal.
- Batemos a nata nun bol ata que faga “piquiños” na superficie. Lembrade que cando máis fría estea de antes, mellor vai subir.
- Xuntamos a xelatina ca nata, tendo conta que non queden grumos. O mellor é bater a man cunha batedora de variñas, a modiño.
- Botamos esta mestura no bol do paso 3, repetimos o procedemento.
- Batemos as claras e mailo sal a punto de neve.
- Repetimos o paso 6, batendo con movementos amplos para non estragar demasiado o punto de neve.
- Botamos nuns vasos de cristal, tapámolos e deixamos repousar alomenos dúas horas.
- Decoramos con reladura de limón, améndoas, noces, etc.
Que aproveite!
2 comentarios en “Mousse de limón”