Voltamos cunha receita pouco ortodoxa, pero ben boa… Este risotto de salmón cremoso faise enseguida, non é moi caro e é ben sabedeiro. O queixo mascarpone pode substituirse por algún queixo crema lixeiro. O arroz de gran redondo é o de toda a vida (agora venden tamén o de gran longo, pero ese non serve para esta receita). Se podedes atopar unha variedade específica como Arborio, moito mellor, se non, non pasa nada.
Se non vos gusta o salmón, tendes unha receita alternativa con queixo de cabra e pemento. E no libro de receitas, unha de viño branco e queixo parmesano para lamber o prato!
Ingredientes (para 4 ou 5 racións)
Un litro e medio de caldo vexetal, a piques de ferver
Unha cebola, pelada e picada en anacos pequenos
Un ou dous dentes de allo, ben picados
Dúas culleres de aceite de oliva
350 gr de arroz de gran redondo
150 gramos de salmón afumado, máis unhas tiras para a decoración
90 gr de queixo mascarpone (ou queixo crema lixeiro)
Zume de medio limón grande
Reladura do limón (opcional)
Pementa negra ao gusto
- Nunha tixola ou pota grande, botamos o aceite e fritimos a cebola a lume medio durante 5 minutos.
- Engadimos o allo e mailo arroz, e medio litro do caldo. Remexemos pouco a pouco cunha culler de pau ata que o arroz chunche todo o líquido. Repetimos a operación dúas veces (tardará uns 20-30 minutos, dependendo da cociña e dos trebellos).
- Retiramos do lume e engadimos o salmón en anacos pequenos, o mascapone, a pementa e a reladura de limón. En principio non cómpre sal, pero é mellor probalo antes por se acaso hai que engadirlle un pouco.
- Deixamos repousar 5 minutos, engadimos un chisco de zume de limón a cada prato e decoramos coas tiras de salmón.
Que aproveite!