Cando digo marmelo refírome á pasta, non á froita. Todo un clásico nos fogares galegos, faise en outono e dura case todo o ano: se se toma sempre con queixo pode chegar un punto de saturación…Igual que me pasou a min hai uns días.
Como resultado da investigación de receitas novas co marmelo saiu este queique. A súa textura é un pouco especial: a xelatina que contén o marmelo fai que non soba tanto coma outros queiques e quede máis denso e “areoso”. É ideal para tomar cun té ou cun café, xa que o sabor non é demasiado intenso, e se lle sumamos o arrecendo a canela… está incrible!
Ingredientes (para un molde de 24 cm. de diámetro)
250 gr. de marmelo
3 ovos
180 gr de fariña
80 ml. de aceite de oliva
100 ml. de leite gordo (enteiro!)
Unhas pingas de zume de limón
9 gr de fermento (tipo “Royal”)
Un belisco de sal
1/4 de culleriña de canela
Aceite de xirasol para engraxar o molde
Azucre glass ou améndoas para decoraren
- Prequentamos o forno a 180º
- Nun bol ou nunha pota, quentamos o marmelo co zume de limón: pode ser ao lume ou no microondas, con que estea tépedo abonda.
- Coa batedora de variñas, remexemos a pasta cos ovos, o aceite e o leite ata que quede un líquido uniforme.
- Mesturamos a fariña e o fermento nun prato fondo e engadímola aos poucos no líquido do paso 3.
- Engraxamos o molde e metémolo a cocer no forno durante 30 min., ou ata que estea ben dourado por riba e ao meter unha agulla de calcetar (ou coitelo) saia seca.
- Deixamos arrefriar antes de consumir.
Que aproveite!