Gratín de cabaza con mozarella

Despois dunhas semanas moi apuradas e sen tempo de actualizar, volvemos cunha receita de cabaza,  que aínda se atopa de tempada! Este é un gratín moi doado de facer, unha receita de orixe italiana que atopei no marabilloso libro “Las verduras de mmuchas maneras” de Karen Leiz (que foi un súper agasallo de Nadal).

Para que sexa máis doado, recoméndovos que merquedes a parte superior da cabaza, a que ten máis carne e menos sementes, porque é mello para facer rodas do mesmo grosor. Lembrade quitarlle a pel, restos de semente, etc. Se vos gusta a cabaza (ou cabacú, como lle chaman nalgunhas zonas), botádelle un ollo a estas sopa de cabaza con ameixas ou a esta crema rubia de verduras.

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

600 gr de cabaza en rodas de 2 cm de grosor.

250 gr. (dous paquetes) de mozzarella

Dúas latas de tomates triturados

100 gr de queixo parmesán relado

1 cebola grande

4 ou 5 culleres de aceite de oliva

1 culleriña de azucre

Fariña

Tomiño

Aceite de xirasol para fritir

Sal e pementa negra moída

  1. Cortamos a cebola ben picada e sofritimola na tixola co aceite de oliva ata que comece a dourar.
  2. Engadimos os tomates triturados, un belisco de sal, o azucre e un pouco de pementa. Remexemos ben e deixamos cocer a lume medio 15 ou 20 minutos.
  3. Prequecemos o forno a 200º.
  4. Botar fariña nun prato fondo e pasar as rodas de cabaza por ela, sacundíndoas despois para que só quede unha capa fina.
  5. Quecemos o aceite de xirasol nunha tixola grande e fritimos a cabaza ata que comece a estar marrón (ollo, non negra). Retirámolas a un prato con papel absorbente e botámoslles un chisco de sal por riba.
  6. Untamos unha fonte para forno cunha culler de aceite de oliva. Nela colocamos a metade das rodas de cabaza, e botamos a metade do mollo de tomate.
  7. Estendemos a metade da mozzarella en láminas, engadindo tomiño por riba e un pouco do queixo parmesán relado. Repetimos a operación.
  8. Cocemos no forno durante 20 minutos, e servimos ben quente.

Que aproveite!

Un comentario en “Gratín de cabaza con mozarella”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *