Agora que vai tanto frío apetece quedar na casa e que mellor plan que facer unhas madalenas que sirvan de agasallo ou que solucionen uns cantos almorzos. Como presta comelas con café quentiño! Esta receita é moi doada, tanto que a podedes facer con nenos, seguro que se divirten fozando cos moldes de papel e o azucre 🙂
Se queredes ver máis receitas de madalenas, visitade a de madalenas con nata e noces, a de madalenas de chocolate, ou estas ben saudabeis de plátano e avea.
Ingredientes (para 14 madalenas, aprox.)
110 gr. de fariña de castañas
100 gr. de fariña de trigo
170 ml. de aceite de xirasol
100 gr de azucre normal
75 gr de azucre avainillado
60 ml. de leite (mellor se é gordo)
2 ovos
9 gr. de fermento químico
Un belisco de sal
Un chisco de azucre, avanillado ou non, para botar por riba
Utensilios:
Batedora de variñas
Moldes de papel para madalenas.
Moldes ou bandexa para madalenas
- Nun bol grandeiro botamos os ovos e o azucre, batemos ca batedora ata que aclare e teña unha textura esponxosa.
- Engadimos o leite, seguimos batendo.
- Engadimos o aceite aos poucos, mentres continuamos a bater.
- Nun prato fondo mesturamos as fariñas, o fermento e o sal, mesturamos cunha culler.
- Imos engadindo a mestura “sólida” á líquida mentres batemos, tendo conta de que non queden grumos.
- Tapamos cun film transparente e deixamos no frigorífico unha hora.
- Prequecemos o forno a 150º, por riba e por baixo.
- Colocamos os moldes de papel dentro dos de silicona (ou de metal, os que teñades) e enchémolos ata os 3/4, deixando marxe para que a masa suba. Esparexemos un chisco de azucre en cada madalena, formando una capa moi fina, para que logo quede crocante.
- Deixámolas cocer no forno durante 15 minutos, vixiando que non se pasen.
- Deixamolas arrefriar no mesado, e cando estean frías gardámolas nun tupperware ou nunha bandexa tapada cunha rolla.
Que aproveite!