Moi boas! Xa van chegando os días de ir á praia ou facer unha ruta camiñando, e que mellor prato para levaren de pic-nic que unha ensalada rusa. É un prato que me encanta e desta vez quixen probar unha versión vegana. A verdade é que quedou moi rica!
Como é normal, pódese modificar ao gusto: se non tendes cogombriños podedes cambialos por olivas negras (mellor sen carabuña!), podedes engadir cebola seca, alcaparras, etc. Sobre a maionesa vegana: podédela atopar en supermercados e tendas especializadas. Se a queredes facer vós, esta receita está moi ben.
Ingredientes (para 3 ou 4 porcións)
4 patacas medianas
2 cenouras medianas
Medio cogombro
25-30 cogombriños pequenos en vinagre
100 de chícharos cocidos
300 ml de maonesa vegana
Media culleriña de pementa negra moída
Sal ao gusto
- Poñemos auga cunha culleriña de sal a ferver nunha pota mediana.
- Pelamos as patacas e as cenouras e facemos dados de 2×2 no caso das patacas, e rodas de 2 cm de grosor no caso das cenouras.
- Botámolos na pota e cocemos durante 15 minutos, ata que os anacos estean brandos pero firmes.
- Escoamos e deixamos arrefriar
- Nun bol grande, botamos os chícharos, os cogombriños ben picados e o cogombro pelado e cortado en dados de 0,5 cm aproximadamente.
- Picamos as patacas e cenouras un pouco máis pequenas para que se mesturen mellor. O tamaño vai ao gusto de cada un.
- Botamos as patacas, cenouras e a maonesa no bol. Engadimos a pementa e o sal. Remexemos todo ben e deixámolo no frigorífico a lo menos un par de horas.
- Decoramos cuns cogombriños extra e unhas pingas de aceite de oliva, un chisco máis de pementa negra e servimos con pan torrado.
Que aproveite!