Petisco de couveflor

Despois de facer hummus básico, hummus de lentella e tamén de cacaué, seguimos na nosa pesquisa de cousiñas gorentosas para petiscar ou tomar de entrante. Aínda que a cor non resulta moi atractiva, está moi rico e ademáis e lixeiro e doado de facer 😉 Unha receita ideal para facer o día antes e levar de pique-nique.

Ingredientes (para 18 racións coma as da foto, aprox.)

250 gr de couveflor

100 gr de queixo crema

Unha culler de manteiga

Media culleriña de curri en po

Unha presa de noces ou de pasas (opcional, eu boteille noces)

1/4 dunha culleriña de sal

1/4 dunha culleriña de pementa moída

  1. Lavamos e cortamos a couveflor en anacos pequenos.
  2. Nunha tixola quecemos a manteiga a lume alto. Botamos a couveflor e baixamos o lume a intensidade media. Cocemos durante 5 minutos, remexendo de cando en vez cunha culler de pau, ata que a couveflor comece a dourar. Engadimos o sal, a pementa e o curri, cocemos un minuto máis. Retiramos e deixamos arrefriar.
  3. Nun bol poñemos o queixo crema e o contido da tixola  ou as noces ou pasas cortadas, esmagamos todo cunha espátula de silicona (ou se queredes que quede máis fino, pasádelle a batedora, foi o que fixen eu).
  4. Podemos poñer un pouco máis de curri ou de pemento doce para decoraren. Servimos acompañado de pan de pita, torradas, crudités…etc. Aguanta dous ou tres días na neveira.

Que aproveite!

2 comentarios en “Petisco de couveflor”

Deixa una resposta a xamon Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *