O tofu é unha fonte de proteína vexetal que vai moi ben para cando non queremos empregar carne ou peixe nun prato. Está feito con soia, callada e “curada” e ten un sabor moi suave que combina con todo. Pódese atopar en tendas de comida ecolóxica e cada vez máis, en grandes superficies e supermercados.
O tema do aceite, eu tiña un de cacaué que comprei no Lidl cando fixeron a semana asiática, pero calquera que non sexa o de oliva vale: xirasol, millo, etc. As chalotas pódense cambiar perfectamente por cebolas. E non ten máis complicación!
Ingredientes (para dúas racións):
Unha cabaciña grande, cortada primeiro en rodas e cada roda, en cuartos.
4 chalotas (ou dúas cebolas)
200 gr de tofu compacto
25 gr de sementes de sésamo
5 ou 6 culleres de aceite vexetal
Mollo de soia ao gusto
Un pouco de sal
- Quecemos a tixola a lume medio e torramos o sésamo se fose necesario. Para facelo, simplemente imos remexendo ata que doure, tardará uns 15 minutos, aproximadamente. Reservamos.
- Botamos o aceite na tixola, e cando estea quente botamos as chalotas ben picadas. Cando estean un pouco translúcidas, engadimos o tofu en dadiños. sempre a lume medio
- Cando o tofu estea un pouco feito (dourado) engadimos a cabaciña picada e o sal e tapamos a tixola. Cocemos durante 20-30 minutos, remexendo de cando en vez.
- Engadimos o sésamo torrado e a soia que nos apeteza.
- Servimos quente.
Que aproveite!