Nesta casa somos moi fans do hummus, e a verdade e que de todos os que fixen, atopo que este é o máis saboroso. Outro punto a favor é que non se pega tanto ao padal como o normal, aínda que hai xente que lle gusta iso, a min acábame cansando un pouco.
A receita é unha adaptación dunha de Nigella Lawson (está na listaxe fixa da dereita) e zafa moito para facer algo de picar ou unha cea rápida entre semana: unha torrada de pan, algo de verduras, e listo! Se queredes ver máis receitas de hummus, tendes unha básica, outra a base de lentellas e outra de fabas e tomates secos. Se vos gusta a manteiga de cacaué non deixedes de ler esta receita de madalenas con manteiga de cacaué.
Ingredientes (para 6 racións, aprox.)
400 gr de garavanzos cocidos
3 culleres de manteiga de cacaué
3 culleres de queixo crema
5 culleres de aceite de oliva
5 ou 6 cacaués torrados e pelados, máis uns poucos para decoraren
Zume de medio limón
Media culleriña de sal
Media culleriña de comiño en po
Un dente de allo picadiño (opcional)
- Botamos todo na trituradora e dámoslle unha boa volta, para que mesture ben.
- Se queda moi espeso, engadide máis zume de limón e/ou aceite, incluso un pouco de auga morna. O importante é ir a modiño e que non nos pasemos.
- Corrixir de sal, se fai falta.
- Servir cun pouco de aceite, pementón doce e uns cacaués esmagados.
Que aproveite!
O cacaué é un paxaro do Brasil. Suponho que te referirás a manteiga de amendoín ou de manises.
Que pintaza!! Vou probar a facelo!
Grazas Sabela! Xa contarás 😉