Patacas asadas rápidas

Mentres perfecciono a seguinte receita doce, aquí tendes unha moi rápida e práctica para facer patacas ao forno sen levar case traballo. Como con todas as receitas de poucos ingredientes, a calidade é esencial: as patacas teñen que estar tersas e ter a pel fina, e o vinagre, mellor se é de Xerez ou de Módena (aínda que isto vai a gusto de cada quen).

Cando digo patacas medianas refírome ao tamaño dun puño dunha muller de 1,60 (o meu, vamos) e é importante non pelalas, xa que así vai facilitar a coccción e a costriña exterior. A min gustame facelas con ourego, pero podedes poñer pementa negra, romeu, tomiño… as posibilidades son moitas!

Se queredes máis ideas para guarnicións, mirade estes pementos verdes asados ou este delicioso arroz con pasas

Ingredientes (para 2 ou 3 racións)

5 ou 6 patacas medianas

Unha culleriña rasa de fariña

Unha culler de vinagre

Dúas culleres de aceite de oliva virxe extra

Dous beliscos de sal

Ourego ao gusto

  1. Prequecemos o forno a 185º, con calor arriba e abaixo.
  2. Lavamos e cortamos as patacas en anacos de 2-3 cm de grosor. Se vedes que teñen moita auga dentro, pasádelle unha rolla para secalas un pouco.
  3. Botámolas nun bol grande coa fariña, remexemos ben para que se pegue un pouco a todos os anacos. Se queda escasa para todas as pezas, engadide un pouco máis.
  4. Botamos o vinagre, o aceite, o sal e ou ourego e empapamos todo ben.
  5. Colocamos un papel ou unha lámina de silicona na bandexa do forno e estendemos as patacas tendo conta de que non queden pegadas unhas ás outras.
  6. Cocemos durante 20 minutos, dámoslle a volta e cocemos durante 20 minutos máis.
  7. Se queredes que queden extra douradas e crocantes por fóra, deixádeas 10 minutos máis con calor por riba e ventilador a 160º.
  8. Servimos quentes 😉

Que aproveite!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *