Despois da pausa xigante (desta vez teño boa excusa: 👶), voltamos cun prato de pasta de só tres ingredientes que soa un pouco raro pero está de vicio. En Italia chámase pasta á cinsa, que non é o mellor nome pero é unha moi boa alternativa se queredes unha receita sen tomate e que se fai en 15 minutos.
Coma sempre que hai poucos ingredientes, é recomendable que sexan de boa calidade. Se tendes recomendacións, deixádeas nos comentarios!
Ingredientes (para 2 racións)
180 gramos de pasta
90 gramos de queixo Gorgonzola, sen codia
80 ml de nata líquida para cociñar (15% MG)
25 gr (8 ou 10 unidades) de olivas negras sen carozo
Pementa negra e sal ao gusto
- Cortamos as olivas en anacos moi pequenos, o máis que poidamos
- Poñemos a pasta a cocer. Haberá que sacala dous minutos antes do que poñan as instruccións.
- Noutra pota, poñemos a quentar a nata a lume medio-baixo e imos engadindo o queixo en anacos pequenos. Remexemos ata mesturar todo ben.
- Cando a pasta estea lista, sacamos 3 ou 4 culleres da auga de cocción e botámolas na pota da nata.
- Escoamos a pasta, engadímola rapidamente á pota co resto dos ingredientes e as olivas e remexemos durante un minuto e medio.
- Axustamos o sal se fose necesario e servimos con pementa negra.
Que aproveite!