Galletas de figos e noces

Estaba eu buscando como aproveitar os figos que me sobraran de facer a ensalada de outono e vin estas gorentosas galletas por Internet adiante. Ao final acabei improvisando algunhas cousas e o resultado foi moi bo: non son moi crocantes pero teñen un sabor e un arrecendo fantástico. Coma é lóxico, os figos pódense cambiar por outra cousa “pasa” que non estea moi seca e as noces por améndoas ou abelás.

Se, coma min, sodes  de facer galletas na casa, tamén podedes ver estas de dátiles, estas de vainilla ao estilo vienés ou voltar ás clásicas de pébedas de chocolate. Cales son as vosas galletas favoritas?

Ingredientes (para unhas 14 galletas coma a da foto)

200 gr de fariña triga

100 gr de noces, peladas e picadas

100 ml de aceite de xirasol

70 gr de azucre

4 figos pasos, grandes e cortados en anaquiños

Un ovo

Media culleriña de fermento químico, tipo Royal

Media culleriña de extracto de vainilla

Un belisco de sal

  1. Quecemos o forno a 170º, arriba e abaixo.
  2. Nun bol, mesturamos todos os ingredientes agás a fariña.
  3. Remexemos e imos engadindo a fariña pouco a pouco.
  4. Dámoslle forma cas mans ou cunha culler. Para que teñades unha referencia, vai ben coller anacos de masa do tamaño dunha pelota de ping-pong.
  5. Colocámolas nunha bandexa con papel de forno, deixando espacio dabondo entre elas para cando suban.
  6. Aplastamos un chisco a superficie e cocémolas no forno durante 15 ou 20 minutos, ata que estean douradas por riba.
  7. Deixamos o papel de forno cas galletas por riba dunha bandexa de rellas. Unha vez frías, gardámolas nun recipiente hermético, onde poden quedar 3 ou 4 días.

Que aproveite!

 

 

Un comentario en “Galletas de figos e noces”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *