Estes días estaba a buscar unha receita de algo que durase moito, xa que sendo dous na casa todo sobra e despois é un pouco de agobio andar repetindo comidas moitas veces. Estas galletas son moi típicas en Italia e a súa orixe vén da necesidade de levar alimentos que aguantasen viaxes longas.
O truco é que ao cocelas dúas veces, quedan con pouca humidade e entón duran ata un par de semanas, pero hai que ter conta de gardalas nun recipiente hermético.
Esta versión leva anacardios e arandos secos porque era o que tiña na despensa, pero admite noces, améndoas, abelás…con calquera tipo de froito seco. Hai moitas tendas que venden ao peso, así que non tendes ni que sair á rúa a por eles. Podedes aproveitas para facer outros tipo de galletas, coma estas de figos e noces, estas delícias de cacaué ou estas de espelta e dátiles.
Ingredientes (para 15-18 unidades)
140 gr. de fariña triga, máis un chisco para amasar
85 gr de azucre de caña
Un ovo grande
50 gr. de pasas
60 gr de froitos secos, torrados e en anacos
Media culleriña de lévedo químico (tipo Royal)
Un belisco de sal
Un belisco de noz moscada
Un belisco de canela
- Prequecemos o forno a 180º, sacamos unha bandexa e cubrímola con papel de forno .
- Nun bol grande mesturamos o azucre e o ovo ata que aclare un par de tonos.
- Engadimos a fariña tamizada, o lévedo, o sal e as especias e mesturámolo todo a modo.
- Botamos as pasas e froitos secos, remexemos un pouco máis.
- Enfariñamos as mans e o mesado, e facemos unha forma tipo salchicha, duns 25-28 cm. de longo. Esmagamos un pouco por riba para que quede plana.
- Colocámola na bandexa de forno e cocémola 20-25 min ata que quede douradiña (foto enbaixo).
- Sacamos a peza e deixamos o forno encendido. Deixámola repousar 4 minutos, despois cortamos rodas de 1,5 cm.
- Colocamos as rodas na bandexa e cocemos 10 minutos máis. Sempre con ollo, que cada forno é un mundo.
- Deixamolas arrefriar nunha reixa e gardámolas ben.
Que vos parecen? Que aproveite!!