É tempo de pavías! E de tomates, patacas, uvas, etc. O caso é que ás veces xúntanse moitas e hai que buscar un xeito diferente de cociñalas, coma esta compota con viño tinto: sinxela, barata e rápida! Se queredes máis receitas de compotas, tendes esta de mazá con cardamomo
E vós, que facedes cas pavías? As ideas son benvidas nos comentarios 🙂
Ingredientes (para 3 ou 4 racións)
500 gr. de pavías
250 ml. de viño
60 gr. de azucre
Un pauciño de canela
- Lavamos as pavías e metémolas en auga fervendo durante 3 minutos, para escaldalas e que a pel saia mellor.
- Retirámolas e secámolas.
- Na mesma pota, limpa, cocemos o viño co pau de canela a lume medio, durante 3 minutos, despois engadimos o azucre a modiño, mentres remexemos para que non se pegue. Deixámolo cocer 5 minutos, ata que espese. Retiramos
- Pelamos as pavías e cortámolas en anacos pequenos.
- Botámolas na pota e volvemos cocer a lume medio durante 5 minutos. Quitamos o pau de canela.
- Estará máis bo ao día seguinte, pódese tomar quente ou do tempo!