Os lectores habituais xa sabedes que eu son moi fan das mázas nas tortas e biscoitos, e tamén coma acompañante das carnes, pero desta vez teño unha proposta diferente, unha variación bastante orixinal da compota de mazá. Pero antes de comezar, un par de anotacións sobre o cardamomo: é caro, e hai dous tipos.
Que o tema non precio non vos asuste, xa que para facer esta receita (e na maioría) só compre un chisco moi pequeno de cardadmomo verde, que é o que se adoita usar para os doces. Hai outro tipo, máis barato, que é o negro. Se o usades non vai pasar nada, pero o sabor será máis avinagrado e non quedará tan bo, xa que este tipo é máis axeitado para carnes ou arroces.
Ingredientes (para 4 racións, aprox.)
4 mazás grandes
Zume de 4 limas
6 sementes de cardamomo
2 ou 3 culleres de azucre (eu botei moreno, pero tanto ten)
Améndoas laminadas ou chocolate negro relado, para decoraren
- Colocamos as sementes nun mesado resistente, e cun obxecto pesado (tipo pota express) esmagámolas cun golpe sen que chegen a romper. O truco é abrir unha fenda para que liberen o arume, pero que logo sexan doadas de retirar.
- Nunha pota normal quecemos o zume das limas co azucre e as sementes do cardamomo, sen que chegue a ferver. Quecemos durante 5 minutos e despois deixamos repousar.
- Pelamos e cortamos as mazás en dadiños de 2×2 cm, máis ou menos. Botámolas na pota e cocemos a lume medio durante 25 minutos, ou ata que os anacos comecen a esfarelar.
- Quitmos as sementes e servimos en cuncas decorando cunhas améndoas, ou cun pouco de chocolate negro relado.
Que aproveite!
Dando unha volta por aquí, sempre quedo prendada con esta compota… Ten que ser o máis, sobre todo pola frescura… Hálle de caer unha dentro de pouco. Apertas!!
Xa contarás que tal vai! A min gustoume moito, é unha cousa distinta… Unha aperta para ti tamén!