Que tal andades? Eu xa con ganas de empezar a fin de semana e de coller vacacións!! Mentres non chegan, estiven a desfrutar deste espectacular queique de limón, con sabor intensísimo e textura lixeira. Penso que é unha das mellores receitas de biscoito que probei, o único malo é que non consigo que deixe de afundir polo medio (se tendes consellos para isto, son benvidos!).
O máis particular é que non leva ovos nen mateiga ou iogur, substitúense por auga fría. Deste xeito, o aroma e sabor do limón teñen o máximo protagonismo. Porén, é moi importante usar un bo limón: de pel grosa e ben fresco. Se vos sobran, podedes ler este artigo de cousas que facer cun limón 😉
Ingredientes (para 8 porcións, aproximadamente)
300 gr. de fariña triga
175 gr. de azucre
Un limón (pel e zume)
100 ml de aceite xirasol, máis un una cullerada para engraxar o molde
170 ml. de auga fría
Un sobre de fermento químico
Un belisco de sal
Para o glaseado:
Zume de medio limón
100 gr de azucre glas
- Prequecemos o forno a 200º
- Nun bol mesturamos a fariña co azucre (pero non o glas, ese é para despois),a reladura do limón o sal e o fermento.
- Engadimos o aceite e o zume de medio limón (o outro medio vai para a cobertura) , batemos.
- Engadimos a auga e batemos ata facer una pasta homoxenea.
- Preparamos o molde co aceite e o papel de forno. Enchémolo ca masa.
- Cocemos no forno durante 30-40 minutos, ou ata que un cóitelo clavado no medio saia seco.
- Deixamos arrefriar 20 minutos e retiramos quieque co papel.
- Deixamolo arrefriar por completo nunha reixa de forno.
- Nun bol, preferiblemente de cerámica, botamos o azucre pasado por un coador. Engadimos AOS POUCOS o zume: é problable que sobre, pero mellor iso que quede demasiado liquído. Ten que verse branquecino e ter unha textura un pouco pegañenta.
- Colocamos o queique nunha fonte e botamos a glaseado por riba e estendémolo cunha culler de café ou unha espátula.
Un comentario en “Biscoito de limón glaseado”