As combinacións de arroz ou pasta con legumes e carne son unha aposta segura para conseguiren un prato doado e saboroso que inda por riba, dure varios días. Este é un prato ideal para facer moito e deixalo para levar nunha tarteira ou para a fin de semana, por se non apetece cociñar. ao dia seguinte estará máis bo 😉
Se vos gusta o arroz, prato cada vez máis extendido en Galicia (ao principio só se tomaba coma sobremesa, feito con leite e azucre) podédeslle botar un ollo a esta receita de arroz con ñoras e polo ou a este risotto con viño, que non leva carne.
Ingredientes (para 4 ou 5 racions)
200 gr. de arroz redondo
800 ml. de auga
1 dente de allo pelado, cortado á metade
8 culleres de aceite de oliva
500 gr de carne de vacun picada
250 gr de chícharos en conserva
100 ml. de viño branco
1 culleriña de sal
Pementa negra ao gusto
- Para facer un arroz branco, botamos tres culleres de aceite nunha tixola grande, quentámolas e despois botamos o arroz, o dente de allo, media culleriña de sal e un chisco de pementa. Remexemos ben e cando o arroz estea ben mesturado co aceite, botamos a auga.
- Quecemos a lume alto durante 10 minutos e a lume baixo outros 10. Retiramos e deixamos repousar na tixola.
- Noutra tixola, botamos o resto do aceite e cando quente, fritimos un chisco a carne. Engadimos o viño, os chícharos e un pouco de sal, e quecemos a lume baixo durante 15 minutos, ata que estea ben cocido e teña mollo.
- Mesturamos todo na tixola grande, quentámolo un pouco se queremos e… que aproveite!
Un comentario en “Arroz con chícharos…e carne”