Xa sei que non é un prato moi típico destas datas (en realidade, de ningunhas :D) pero quería aproveitar que o outro día fixen uns noodles cunha receita taiwanesa e quedaron súper saborosos. En realidade aqueleina cos ingredientes que tiña máis a man, a receita orixinal é ésta, e leva moitas máis cousas…
Este é un prato que precisa un pouco de paciencia, sobre todo para cortaren todo ben picado, despois faise de contado! Se queredes abraiar a alguen cun prato distinto, estes noodles son ideais, tamén podedes substituir a vitela por polo (ou por froitos secos, se non queredes comer carne). E se non dades comprado noodles, empregade arroz branco, tamén está moi rico! As instruccións para cocer o arroz branco son éstas.
Ingredientes (para dúas racións grandes):
150 gr. de noodles (de trigo ou arroz)
150 gr. de carne de vitela, cortada en dadiños.
1 cebola pequena, mellor se é doce
1 dente de allo
Medio feixe de apio
150 gr. de cogumelos en conserva, cortados en anacos pequenos.
5 culleres de aceite de xirasol
Sal e pementa
Unhas ramiñas de herba limoeira ou de ceboliño, para a decoración.
Para o mollo:
150 ml. de auga, morna
1/2 pastilla de caldo de polo
3 culleres de mollo de soia
1 culler de vinagre de Módena
1 culler de azucre moreno de caña
- Cocemos os noodles segundo as instruccións do fabricante.
- Nun bol pequeno, mesturamos os ingredientes do mollo, remexendo ben para mesturar. Deixamos repousar.
- Quentamos o aceite de xirasol nunha tixola grande, a lume medio. Cortamos as ramas do apio en rodas finas (ollo, as follas non se comen!) e botámolas a dourar. Facemos o mesmo coa cebola, mesturando todo durante 3 ou 4 minutos, ata que douren.
- Cortamos o allo o máis pequeno que poidamos, engadímolo á tixola.
- Botamos a carne a fritir cas verduras, durante 2 minutos, non ten que estar feita de todo aínda. Engadimos tamén os cogumelos ben cortadiños, remexendo ben.
- Engadimos o mollo, o sal e a pementa e deixamos que coza (sen chegar a ferver) durante 2 ou 3 minutos.
- Colocámos os noodles nun prato, botamos o preparado da tixola por riba e decoramos cas herbas cortadas en rodiñas finas.
Que aproveite!
Se hai que frixir mellor o de oliva.
http://www.vidanaturalia.com/los-mejores-aceites-para-cocinar/
Ola Xavier
É certo que polas súas propiedades, o de oliva é máis san, pero tamén ten un sabor moi forte, por iso nesta receita está recomendado o de xirasol.
Un saúdo!