Albóndegas de atún e piñóns con mollo de tomate

Despois dunha pausa por mor de non ter tempo para nada…estamos de volta! E con que receita, amig@s, unhas albóndegas que arrecenden e saben a gloria!

Este é un prato típico do Sur de Italia, pero non teño moita máis información, así que paso aos consellos: o atún pode ser conxelado en filetes deses, o que non pode ser é en conserva. E o queixo grana padano évos moi doado de atopar nos supermercados, é coma unha versión máis barata do parmesano que tamén o podedes usar, pero para mesturar con outras cousas non paga a pena pagar o prezo máis caro.

Se vos gustan as albóndegas, pasadevos por esta receita de carne e xamón, ou estas de carne mariñada. E as máis exitosas do blog: as de polo con ananás.

Ingredientes (para 4 racións, aproximadamente)

400 gr. de atún, fresco

100 gr. de pan relado

50 gr. de queixo “grana padano” relado

50 gr. de piñóns

2 ovos

4 ou 5 culleres de aceite de oliva virxe extra

Unha culleriña de ourego

Media culleriña de canela en po

O zume e a reladura dun limón

Un belisco de sal e outro de pementa negra

Aceite de xirasol para fritir

Para o mollo:

Unha cebola

2 dentes de allo

2 latas de tomates en conserva, en anaquiños

4 ou 5 culleres de aceite de oliva virxe extra

Unha culleriña de ourego

Unha culleriña de vinagre balsámico

Perixel (opcional)

  1. Primeiro preparamos o mollo quecendo o aceite nunha tixola grande e botando a cebola e o allo, cortados en rodas finas. Cociñamos a lume medio ata que a cebola estea semi-translúcida e branda.
  2. Engadimos o resto dos ingredientes do mollo e cocemos durante 15 minutos a lume medio, remexendo de cando en vez.
  3. Preparamos as albóndegas cortando o atún en dados pequenos, e fritíndoo co aceite nunha tixola ca canela e os piñóns.
  4. Engadimos o sal e a pementa e deixamolo estar 5 minutos.
  5. Botamos a mestura nun bol grandeiro e deixamos arrefriar.
  6. Botamos o pan, o ourego, o queixo relado, os ovos batidos, o zume e a reladura do limón dentro do bol.
  7. Esmagamos a mestura cun garfo e amasamos cas mans ata que se mesture todo ben.
  8. Facemos albóndegas do tamaño dunha noz grande, colocámolas nun prato para meter no frigorífico unha hora.
  9. Quecemos o aceite de xirasol na mesma tixola das albóndegas e fritímolas ata que estean douradas (ver foto inferior).
  10. Cando estean listas, imolas colocando nun prato forrado con papel de cociña para que absorba o exceso de aceite.
  11. Servimos co mollo e un pouco de perixel cortado: pódense comer con pan (recomendable para ir mollando) ou con pasta ou arroz branco.

Que aproveite!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *