As couves, coles ou coias de Bruxelas son unhas pequenas verduras da familia do brócoli e a coliflor. Teñen mala fama por teren un sabor un pouco amargo, e porque soltan un cheiro fedorento ao cocelas. Pero nesta receita soluciónanse os dous problemas, xa que ao facelas á grella non cheiran, e vaiselle o amargor. Ainda por riba, o mollo de mel e mostaza complementa perfectamente ás couves, están deliciosas! A mostaza que usei é a de “ao xeito antigo”, a de puntiños, xa que a outra é moi picante para esta receita.
A receita é tan sinxela que admite moitas variacións: cun pouco de panceta, con vinagreta de zume de limón, piñóns, etc. Se tendes máis ideas de adobos, deixádeas nos comentarios!
Ingredientes (para 2 racións)
Medio quilo de couves de Bruselas
2 culleriñas de mel
2 culleriñas de mostaza, estilo antigo
6 culleres de aceite de oliva
Un chisco de sal
- Lavamos as couves, quitámoslles as follas de fóra e a base dura, e partímolas pola metade ao longo.
- Nunha tixola grande quecemos a metade do aceite a lume medio.
- Cando estea quente, poñemos as couves ca parte lisa cara abaixo. Deixámolas a lume medio 7 ou 8 minutos, ata que estean un pouco churruscadas (ver foto).
- Dámoslle a volta, botamos o sal e churruscamolas polo outro lado. Reservamos.
- Repetimos a operación (porque no hai tixola onde caiban todas deste xeito).
- Mesturamos o mel e a mostaza nunha cunca.
- Poñemos todas as couves na tixola, como poidamos, e apagamos o lume.
- Botamos o mollo e remexemos ben, non importa se soltan algunhas follas, é normal.
- Servimos quente, que isto frío non vale nada!
A min encántanme! Eu fágoas no forno e tamén quedan moi ben. Como máis me gustan é con zume de limón e parmesano relado.
Ola Sabela! Unha dúbida, al facelas ao forno, botaslle o limón e queixo antes de cocelas ou despois? Un saúdo!
Eu fágoas na tixola cun pouco pementa e logo no forno con aceite de sésamo e mel. Probaremos coa mostaza
Boa idea! Onde compras o aceite de sésamo? Un saúdo!