Aínda que non son vexetariana (raro sería tendo un blogue que se chamase así) ultimamente ando a experimentar con pratos sen carne. Esta quiche é moi gustosa e sinxela de facer, sobre todo porque fixen trampa e comprei o follado xa feito, igual que na receita de palmeiriñas. En total levará pouco máis dunha hora.
Penso que é unha boa idea para facer logo do Entroido se quedades cansados do cocido. Ollo, que aínda que non leva carne si leva nata, polo que é bastante farturenta 😉
Ingredientes (4-5 porcións)
1 paquete de follado redondo
8 follas grandes de acelgas
4 cenouras
3 anacos de coliflor
Un feixe de anacardios (60 gr. aproximadamente)
150 ml. de nata para cociñar (a de 18% de materia graxa)
1 ovo grande
1/4 de culleriña de noz moscada
Sal
- Enchemos unha pota de auga, quentámola e botamos a coliflor a cocer. Cando leve 10 minutos, engadimos as acelgas limpas e sen talo e as cenouras cortadas en cachos pequenos.
- Escoamos as verduras e reservamos.
- Prequentamos o forno a 180º
- Nunha tixola botamos a nata e quentámola a lume medio xunto ca noz moscada.
- Cortamos os anacardos en anacos pequenos
- Botamos as verduras e mailos anacardios na tixola, deixamolo estar a lume medio durante 10 minutos.
- Batemos o ovo e botámolo na mestura.
- Estendemos o follado nun molde redondo. Para que non soba no forno, pinchámolo varias veces cun garfo:
- Enchemos o follado co contido da tixola.
- Cocemos no forno durante 25 minutos, ou ata que estea ben dourado nas beiras e o recheo algo seco (callado). Depende moito do forno, tende conta disto.
Nota: Recomendo comelo no mesmo día, xa que o follado colle a humidade do recheo e ao día seguinte non está crocante.
Que aproveite!
Meu deus, que pintaza. Oíches, fasme un favor? Douche a dirección e mándasme un cacho? hahaha 🙂
XA mo dixeron un par de veces! Se segue así vou ter que montar un tele-xamón 😀