A polenta é millo seco e moído, que se pode comer coma un puré (é moi típico no centro e norte de Italia) ou usar mesturado con fariña para queiques e galletas, xa que lles dá unha textura moi especial, moi compacta e ao mesmo tempo moi tenra.
Este doce admite moitas variacións na parte da froita: pódese facer con mazá, arandos, ameixas…etc. Tamén se lle poden engadir froitos secos por riba, a améndoa quédalle moi ben á pera.
Se che gustan os doces a base de millo, podes visitar esta receita de queique de millo, ou estas marabillosas galletas de millo e chocolate.
Ingredientes (para un queique de 8 ou 10 porcións)
250 gr. de azucre
225 gr. de fariña
150 ml. de aceite de xirasol, máis un pouco para o molde
80 gr. de polenta
2 peras grandes, peladas, sen carozo e cortadas en anacos de 1x1cm aprox.
2 ovos grandes
Reladura dun limón
Dúas culleres de fermento químico
Media culleriña de sal
- Prequecemos o forno a 180º, polos dous extremos.
- Engraxamos un molde rectangular cunha culleriña de aceite de xirasol e colocamos papel de forno no molde, que quede ben pegado.
- Esparexemos unha culleriña de azucre sobre o papel, e estendemos as peras cortadas, ocupando toda a superficie.
- Nun bol grande, mesturamos os ovos, o azucre e a reladura de limón, batendo ben.
- Noutro bol mesturamos a fariña, a polenta, o fermento e o sal. Imos engadindo e batendo esta mistura no bol do paso anterior.
- Vertemos no molde e cocemos no forno durante 45-55 minutos. Andade con ollo porque cada forno é distinto.
- Cando a superficie estea ben dourada, pinchamos cunha agulla de calcetar, e se sae seca é que xa está listo.
- Deixamos arrefriar nunha bandexa de rexas, estará máis bo pasadas unhas horas.
Que aproveite!
Un comentario en “Queique de polenta e pera”