Coma tantas outras, esta receita naceu de aproveitar cousas que xa tiña na casa: unha vai comprando para facer outras receitas e logo quedan botes de todo a medio gastar. E así que cambiei a fariña de trigo pola de millo e no canto de usar aceite de xirasol ou manteiga coma noutros queiques, decidín probar o mascarpone: non sei por cal dos dous cambios é, pero a textura é moi especial, non se asemella en nada a outros queiques que probei.
Un aviso para os máis larpeiros: esta torta non queda moi doce de por si, pero podédela acompañar de máis mascarpone e mermelada, ou de mel, chocolate, etc.
Ingredientes (para 8-10 racións)
180 gr. de queixo mascarpone, morno
220 gr. de fariña de millo
150 gr. de azucre de caña
4 ovos
1 culler de lévedo químico
Un belisco de sal
Aceite de xirasol para o molde
Mascarpone e marmelada de arandos para acompañar
- Prequentamos o forno a 170º
- Separamos as xemas das claras, cadansúa nun bol.
- Batemos as claras co sal ata facer punto de neve.
- Engadimos o azucre e os mascarpone ás xemas e batemos ata formaren unha masa homoxénea.
- Mesturamos a fariña de millo co lévedo nun prato.
- Engadímola aos poucos á mestura das xemas.
- Engadimos as claras a punto de neve e batemos a man para que non baixen e quede o queique máis esponxoso.
- Aceitamos o molde. Se queda moito aceite, limpamos cun pano de papel.
- Cocemos no forno durante 30-40 minutos, ata que estea ben dourado. Para ver se coceu ben, metemos un coitelo ou unha agulla de calcetar, ao sacar ten que estar seco/a.
Que boa pinta, eu teño un paquete de fariña de millo na despensa esperando a que faga algo con él, xa me apunto a idea.
Bicos
Ola Raquel!A ver que tal seguro que sae moi bo, a fariña de millo fai moito avío 😉 Un saúdo