Que tal andades? Agardo que o comezo do ano non sexa moi arrepiante, que despois destes meses que levamos… moito ánimo! Hoxe traio unha receita desas sinxelas, e atentendo aos propósitos de aninovo, máis lixeira 😉 e sobre todo, doada de facer, que non están as cabezas para moita complicación
Ingredientes (para 5 ou 6 racións)
Un brócoli
Un nabo grande ou dous pequenos
Unha cebola grande
250 gr de chícharos en conserva
Media culleriña de pasta de miso, ou unha pastilla de caldo vexetal
8 culleres de aceite de oliva
Unha culleriña de sal
Pementa negra ao gusto
- Pelamos e cortamos a cebola e rodas finiñas. Quecemos 4 culleres de aceite de oliva nunha pota e cocemos a cebola a lume medio.
- Pelamos e cortamos o nabo en dadiños, botámolo na pota e seguimos cocendo.
- Lavamos o brócoli, quitamos o talo e botamos as polas na pota.
- Cocemos durante 15 minutos, remexendo ben para que doure todo. engadimos o sal e a pasta de miso.
- Botamos auga ata cubrir todas as verduras. Cocemos durante 20 minutos.
- Retiramos do lume, botamos os chícharos e as 4 culleres restantes de aceite, batemos ca batedora ata que teña unha textura aveludada.
- Servimos con aceite e pementa ao gusto, tamñen lle podemos botar sementes de sésamo, noces, piñóns, etc.
Que aproveite!