Esta receita é unha versión das típicas berenxenas ao forno que tanto se comen en Cataluña e Levante, pero aproveitando un par de cousas que tiña de sobra: ceboliñas e queixo feta. É un prato moi doado de facer, e aguanta ben dous ou tres días no frigorífico unha vez cociñado. Como se pode deducir das fotos, están tremendas!
Ingredientes (para dúas persoas):
1 berenxena grande
2 ceboliñas
150 gr. de picada de vacún
100 gr. de queixo feta
3 culleres de pan relado
5 culleres de aceite de oliva
Sal
Pementa
- Cortamos a berenxena pola metade, baleirámola cunha navalla ata que só quede a polpa que está xusto pegada á pel. Nota: para que sexa máis doado, podemos quentar a berenxena enteira 5 minutos no microondas para que abrande a polpa.
- Botamos tres culleres de aceite nunha tixola grande e quentamos.
- Cortamos as ceboliñas en rodas moi finas, botámolas na tixola e cocemos a lume baixo.
- Picamos a polpa da berenxena e engadimos á tixola.
- Cando comece a abrandar, botamos a carne salpementada.
- Cando a carne estea un pouco feita, engadimos unha culler de pan relado e o queixo feta en dadiños. Remexemos ca culler de pau.
- Enchemos as berenxenas co rustrido, cubrímolo co resto de pan relado e botamos unha culler de aceite polos ocos que queden pegados á pel.
- Co forno xa quente, cocémolas a 170º durante 20 minutos, ou ata que douren por riba.
Que aproveite!
Un comentario en “Berenxena rechea de carne e queixo feta”