O crumble é unha receita moi popular en Gran Bretaña, fíxose popular na Segunda Guerra Mundial, cando o racionamento: ao non haber fariña e leite suficiente para facer as tortas tradicionais empregábase unha sinxela cobertura feita de fariña, azucre e manteiga sobre unha base de froita.
É unha sobremesa moi sinxela, ideal para facer cos nenos, e admite moitas variacións. As froitas máis tradicionais para facelo son a mazá, as ameixas, os arandos, o pexego e os amorodos (teño pendente probar a mesturar varias). Para a cobertura tamén se poden engadir froitos secos moídos ou galletas esfareladas, e o punto máis lambón: acompañala de nata montada ou líquida.
Ingredientes (para 4 ou 5 racións)
3 ameixas grandes, ou 4 pequenas
1 culler rasa de fariña.
1 culleriña rasa de canela en po
1 culler rasa de azucre moreno
Para a cobertura:
100 gr. de fariña
70 gr. de manteiga
2 culleres de azucre branco
2 culleres de azucre moreno.
- Prequentamos o forno a 180º
- Lavamos as ameixas, quitámoslle a semente e cortámolas en anacos moi pequenos. Podemolas pasar pola batedora, pero sen facer puré.
- Mesturámolas ca fariña, canela e azucre, remexendo cas mans. Colocámolas nunha fonte de cerámica ou cristal.
- nun prato mesturamos todos os ingredientes de cobertura cas mans, ata que quede unha textura areosa, de boliñas.
- Cubrimos as ameixas, remexendo un pouco cos dedos para que as farelas da cobertura se metan nos ocos que haxa.
- Cocemos durante 30-40 minutos, ata que a cobertura estea dourada.
Que aproveite!