Torta de cenoura e avea

Unha desas receitas que se atopan por casualidade, buscando un uso para os flocos de avea que tiña abandonados pola cociña. Estaba eu a buscar tortas con avea, e din con esta receita, que despois eu modifiquei un chisco ao meu gusto.

Un par de cousas: se de normal os queiques están mellor ao día seguinte, este está mellor aos dous días, non esfarela tanto coma na foto (era o 1º día e esfarelaba todo) e o sabor do aceite de oliva notábase máis. Eu usei un da variedade hojiblanca con bastante acedume, dálle un sabor moi intenso. Se non sodes fans da intensidade do aceite, probade cun de oliva suave, ou incluso un de xirasol.

Ingredientes (para 8 racións, aprox, un molde de 25 cm. de diámetro)

3 ovos

120gr de azucre moreno de caña

150gr de cenoura relada

100gr de copos de avena + Unha présa para decoración

75gr de fariña de avea

75 gr. de fariña de trigo

90ml de aceite de oliva (ou de xirasol)

1/2 culleriña de canela en po

1/4 culleriña de noz moscada

15 gr. de fermento químico

Un belisco de sal

  1. Prequentamos o forno a 180º.
  2. Nun bol grande batemos os ovos co azucre, ata que clareen e formen unha pasta homoxenea.
  3. Engadimos a cenoura e o aceite, seguimos batendo.
  4. Engadimos a fariña, as especias, o fermento e o sal, batemos.
  5. Untamos un molde cun chisquiño de aceite e botamos a masa.
  6. Para que os flocos non afundan no queique, o truco é rebozalos con fariña de trigo, pódese facer cas mans, deixando caer a fariña que sobre. Estendémolos por riba da masa.
  7. Cocemos no forno durante 35-40 minutos, ata que estea ben dourado por riba.
  8. Deixamos no molde un día ou dous, servímolo de almorzo ou merenda!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *