Lasaña de berenxenas, mascarpone e alfábega

Pasou máis dun mes, e sigo co mesmo problema! As cousas diarias non me deixan moito tempo para escribir aquí e o que é peor: para cociñar :S Pero esta fin de semana puiden facer esta fantástica lasaña, que é vexetariana e ben doada de facer.

Levando tan poucos ingredientes, é importante que sexan de calidade: berenxenas ben frescas, pasta boa (se a podedes comprar seca e cocer aínda mellor que na receita), alfábega fresca (vendéna en case todas as grandes superficies e en moitas froiterías), tomate fritido con pouco azucre,  aceite de oliva virxe extra e queixo tipo emmental, parmesano ou manchego (ollo cos paquetes preparados que só poñen “gratinado” ou “mix horno”, non pon queixo porque efectivamente non é queixo). A receita na que me inspirei (a miña é unha versión máis sinxela) levaba requeixo, pero eu non o puiden atopar cando precisaba, de todos os xeitos, o cambio por mascarpone foi moi satisfactorio.

Ingredientes (para 4 ou 5 racións)

2 berenxenas grandeiras

8 placas de lasaña pre-cocida

600 ml. de prebe de tomate fritido

350 gr de queixo mascarpone

20-30 follas de alfábega fresca

100 gr de queixo relado para gratinar

Aceite de oliva virxe extra

Sal

  1. Pelamos (eu optei por deixarlle un chisco de pel, isto vao ao gusto) e cortamos as berenxenas en rodas de 2 cm aproximadamente.
  2. Nunha tixola grande botamos unha culler de aceite de aceite de oliva, agardamos a que queza e imos colocando as rodas ata que douren. Dámoslle a volta e cando estean polo outro lado retiramos e repetimos a operación ata que non queden máis rodas.
  3. Prequecemos o forno a 180º, arriba e abaixo.
  4. Nunha fonte grande estendemos 3 culleres de tomate fritido e colocamos 4 placas de lasaña.
  5. Poñemos as rodas de berenxena, o mascarpone (é un pouco díficil de estender, paciencia), a metade das follas de alfábega, un pouco de aceite de oliva e sal, coma nesta foto:
  6. Engadimos tomate fritido por riba (4 ou 5 culleres) e repetimos o paso anterior e rematamos co resto do tomate e o queixo de gratinar.
  7. Cocemos no forno durante 30 ou 40 minutos, ata que o queixo estea un pouco torradiño.
  8. Deixamos repousar 20 minutos e servimos. Estará máis boa ao día seguinte: se podedes, agardade deixándoa no frigorífico.

Qué vos parece? Se queredes probar outras lasañas, temos esta receita de Lasaña rápida de grelos

Un comentario en “Lasaña de berenxenas, mascarpone e alfábega”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *