Os bolos de arroz xa saíran na reportaxe “Grandes hits de Portugal”, na que falaba das cousas que máis paga a pena mercar no país veciño. Desta vez imos ca receita para facelos na casa, sonvos moi doados de facer: un almorzo perfecto! Tenro a máis non poder, e cun arrecendo que vos ha encantar.
A forma radicional de presentalos é nos moldes de de papel feitos expresamente, dá un pouco de traballo pero paga a pena. Se queredes facer os moldes, collede papel e tesoiras e mirade estas instruccións. Recoméndovos esta opción, xa que canto máis alto sexan, mellor: a masa collerá máis forza para levedar dentro e sairavos a cabeciña redonda, que é o mellor do bolo.
Se pola contra non tendes tempo, podedes empregar os sempre prácticos moldes de silicona para madalenas: a min sobroume un chisco de masa e fixen un con molde, poño a foto ao final para que vexades como queda. En todos os casos, están boísimos!
Ingredientes (para 12 bolos pequenos, ou 6 grandes en molde de papel, aproximadamente)
150 gr. de azucre, máis un pouco para decorar
150 gr. de fariña triga
150 gr. de fariña de arroz
80 gr. de manteiga, a temperatura ambiente
3 ovos
250 ml. de leite gordo (enteiro)
Unha culleriña chea de fermento químico (Royal ou similar)
Pel relada dunha laranxa pequena
Un belisco de sal
- Batemos a manteiga e o azucre ata formar unha masa cremosa. É recomendable facelo cunha batedora de varillas.
- Engadimos os ovos un a a un mentres seguimos batendo. Despois botamos o leite e a pel relada da froita.
- Prequentamos o forno a 180º
- Mesturamos as fariñas, o sal e o fermento nun prato e engadímolos a modiño na masa anterior, sempre batendo.
- Enchemos os moldes e poñemos o azucre para decorar (que fará un pouco de costra). Cocemos no forno durante 20 minutos, ata que estean dourados por riba.
- Deixamos arrefriar antes de comer.
Que aproveite!
/li
Teñen moi moi boa pinta!!! 😉