Coñecedes o Peach Melba? é unha sobremesa bastante famosa nos países anglosaxóns, e consiste en pexegos cocidos nun xarope, acompañados dunha xelatina de framboesa todo sobre un xeado de vainilla. Débelle o nome á cantante de ópera Nellie Melba, a quen lle adicou o cociñeiro a súa creación.
A cousa é que eu non o coñecía e tampouco o probara, pero buscando receitas novas de xeado xurdiu unha que combinaba todo nun. Aproveitade para facelo, gardalo e lembrar nuns días as últimas calores do verán 😉
Ingredientes (para 600 ml de xeado)
2 pexegos, pelados, sen óso e cortados
200 ml de nata para bater (35% MG)
40 ml. de zume de pexego
40 ml. de leite enteiro (gordo)
60 gr. de azucre avainillado
Unha culler de zume de limón
Un belisco de sal
Para a pasta de framboesa
100 gr. de framboesas
Unha culler de ron
Dúas culleres de azucre de caña
- Nunha tixola, quecemos o zume de pexego, os anacos de pexego e o azucre a lume medio, ata que estean brandos.
- Deixamos arrefriar, lonxe do lume.
- Mentres, imos preparando a pasta de framboesa: nun bol mesturamos todo e esmágamolo cun garfo. Metemos no frigorífico
- Cando a mestura do punto 1 estea fría, botámola nun bol ca nata, o leite e o limón, pasamos a batedora ata que teña unha textura homoxénea e aveludada.
- Deixamos no frigrífico 1 hora, e despois metémolo 10 minutos no conxelador.
- Imos botando a mestura na xeadeira, seguindo as instruccions do fabricante.
- Estendemos nun recipiente de plástico, intercalando capas da pasta de framboesa. É recomendábel deixar repousar media hora no frigorífico antes de comelo.
Que aproveite!