Hai tempo probara a facer xeado na casa porque alguén me dixera que se o fas de turrón de Xixona non cristaliza tanto e pódese facer a man. A verdade é que non queda mal, pero resulta un pouco graxo. Para probar máis sabores e texturas, merquei unha xeadeira, a máquina na que se mete o preparado para que o remova sen parar e colla ar. O ar é o segredo dos xeados máis cremosos e lixeiros 😉 Se non tendes maquina, podedes acadar o mesmo efecto metendo a masa no conxelador e remexendo a man cada hora.
Para inaugurar a máquina decidin facer unha versión do Cherry Garcia de Ben&Jerry’s, pero engadindo máis cereixa! unha das cousas que non sabía era que a máquina precisa 10 horas no conxelador, así que tende conta, hai que preparalo o día antes. O resultado final foi boísimo: estou desexando probar máis combinacións, así que no futuro veredes máis receitas deste tipo 😀
Ingredientes (para unha tarrina de algo menos dun litro)
300 gr de cereixas, sen pébedas
75 de chocolate negro, en anacos
200 ml. de nata para bater (35%M.G.)
1 iogur grego
Unha culler de mel
O zume dun limón
100 gr de azucre de caña
- Poñemos as cereixas ninha pota co zume de limón, o mel e o azucre. Quecemos a lume medio durante 20 min, remexendo de cando en vez. Esto tamén vos serve para facer unha torta de cereixa estilo Twin Peaks, por se cambiades de opinión.
- Retiramos e deixamos arrefriar.
- Batemos a nata nun bol grande, ata que quede firme.
- Engadimos o puré de cereixas a modiño, para que non baixe a nata.
- Botamos o iogur grego, mesturamos e metemos o bol no frigorífico ata que estea moi frío.
- Sacamos a cubeta do conxelador e botamos a masa do xeado a bater (seguide as intruccións do fabricante) engadindo os anaquiños de chocolate negro.
- Se o facedes a man, gardade o bol directamente no conxelador e sacádeo cada hora para remexer a masa e que non cristalice.
E vós, fixestes algunha vez xeados na casa? Tendes algún truquiño ou consello?
Un comentario en “Xeado de cereixa e chocolate negro”