Esta receita vén de Grecia e Turquía, e normalmente servese como parte dos entrantes (chamados meze). Tamén se pode usar como mollo para un bocadillo ou para patacas asadas, ou simplemente para tomar cun pouco de pan torrado. Aínda que se pode facer con iogur normal, é recomedable comprar o grego e deixar repousar a mestura dun día para outro. Eu usei o do Lidl e quedou moi ben.
Hai tempo publicamos unha receita moi boa relacionada con isto, o baba ganoush, botadelle un ollo porque tamén está moi rico, aínda que leva algo máis de traballo.
Ingredientes (para 3 ou 4 racións)
300 gr de iogur grego
Un cogombro mediano
Un dente de allo
4 culleres de aceite de oliva, máis un poco para decoraren
5 ou 6 de follas de menta fresca
2 culleres de zume de limón
Un belisco de sal
Un pouco de pementa negra
- Lavamos e pelamos o cogombro, relámolo ca parte fina do relador e deixamos escoar nun coador.
- Nun morteiro mesturamos o allo cortado, a menta, o zume o aceite e o sal. Mallamos ata facer unha pasta.
- Poñemos o iogur nun bol e metemos a mestura do paso 2.
- Engadimos pouquiño a pouco o cogombro do paso 1.
- Deixamos repousar unha noite na neveira e servimos cun chisco de aceite, pementa negra e menta.
Que vos parece? Fixestes algunha vez tzaziki na casa?