Torta de améndoas, cacao e aceite de oliva

Esta é unha receta de pastel de chocolate con aceite de oliva que lin neste blog inglés, onde pode un perderse entre bombas calóricas durante horas. Gustoume porque leva fariña de améndoas (é semellante á de Santiago),  pero tamén chocolate, que eu boto a faltar moito nos postres de sempre. É apta para celíacos.

 

Un consello, se nos vos importa engordar un chisco máis, é tomala aínda quente cunha bola de xeado de vainilla ou con nata montada.

 

Ingredientes (para 8-12 porcións):

150 ml. de aceite de oliva, máis un pouquiño para darlle ao molde.

50 gr. de cacao en pó. (Non vale Cola-cao, eu usei este)

125 ml. de auga fervendo.

2 culleradas de extracto de vainilla.

150 gr. de améndoas moídas.

Media culleriña de bicarbonato.

200 gramos de azucre (se é glas mellor)

3 ovos grandóns.

Un chisco de sal

 

  1. Prequentar o forno a 170º, untar o molde con aceite de oliva, tendo coidado de que as esquinas queden ben cubertas.
  2. Tamizar (cun colador) o cacao nun prato fondo, engadir a agua quente a modiño e remover ata que quede unha pasta cremosa. Botar o extracto de vainilla, remover de novo e deixar enfriar.
  3. Nun bol, mesturar a fariña de améndoas co bicarbonato e o sal.
  4. Noutro bol, bater o azucre, o aceite de oliva e máis os ovos ata que quede unha masa aireada e uniforme. Na receita orixinal puña que había que facelo con batidora de varas, pero eu non teño e fíxena ca normal.
  5. Verter a masa de cacao e seguir batendo, cando estea mesturada engadir pouco a pouco o contido do punto 3.
  6. Botar a masa no molde e cocer durante 40 ou 45 minutos, ou ata que os bordes estean secos e o centro un pouco húmido. Se o pinchades cun coitelo, debería sair bastante limpo, pero con pequenas migas esfareladas.
  7. Deixa enfriar no molde durante 10 minutos e antes de desmoldala pasar un coitelo ou espátula polo borde, para que saia máis facilmente. Pódese decorar botando un pouco de azucre glas cun colador no centro da torta.

amendoas3

Vai moi ben para merendar cun café, lembrade consultar os cinco trucos para facer café na casa.

Un comentario en “Torta de améndoas, cacao e aceite de oliva”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *