Esta receita ten orixe alemá, onde se fai no inverno (como se pode adiviñar, ten calorías arreo). Triunfa bastante cos nenos porque ao abrila queda moi bonita: marmor quere decir mármore, polas vetas.
Esta é unha variante un pouco máis lixeira, cambiando o cacao pola marmelada de amoras. Ten un toque un pouco semellante á bica, e queda bastante seca: é ideal para mollar no te ou no café, mais non aguanta moitos días sen se converter nunha pedra. Se vos pasa, sempre podedes facer un pudin con ela.
Ingredientes (para unha torta de 8-10 racións)
3 ovos
375 gr. de fariña
250 gr. de azucre
125 ml. de aceite de xirasol + un pouco para engraxar
1 culleriña de fermento tipo Royal
4-5 culleres de marmelada de amoras (ou arandos)
Un chisco de pel relada de limón
Un chisco de sal
- Separamos as claras das xemas.
- Nun bol grandeiro, cun batedor de variñas, facemos as claras a punto de neve ata que estea consistente.
- Noutro bol, botamos as xemas e mais o azucre e batemos ata que a masa quede de cor pálida.
- Engadimos o aceite, seguimos batendo.
- Mesturamos a fariña co fermento e o limón, despois vertemos a mestura (a modiño) no mesmo bol onde antes botamos o aceite.
- Engadimos con moita conta o punto de neve no segundo bol, para non romper as burbullas de aire temos que bater ca man.
- Prequentamos o forno a 180º
- Engraxamos un molde e vertemos a metade da masa dentro.
- Botamos a mermelada no bol e mesturamos ben ata que a masa estea oscura e homoxenea.
- Cunha culler, botamos o resto da masa facendo pegotes na superficie da masa branca.
- Cun coitelo pequeno ou unha variña, remexemos un pouco para que se fagan “vetas” no interior da masa.
- Cocemos durante 40 minutos, aproximadamente. Para saber se está listo, introducide un coitelo limpio no medio, se sae seco é que xa está.
Que aproveite!