Chega o verán e con el as noticias da calor que fai! Como non podemos facer moito para cambiar isto, imos botar man dun refrescante sorbete! É a primeira vez que o fago coa máquina xeadeira e a verdade é que o resultado foi moi bo. Se non tendes, podedes facer a mestura igual e gardala no conxelador, remexendo cada 30 minutos ou media hora, igual cos xeados normais.
O truco para obter un bo sorbete é que o melón estea maduro, para ir mercar un recoméndovos que o cheiredes primeiro, os maduros teñen ese arrecendo característico tan bo (os outros non cheiran a nada). Outro xeito de saber a “madurez” do melón é premer cun dedo na parte que se une ca mata, se cede é que está no punto óptimo.
Ingredientes (para 4-6 racións)
1/4 de melón, variedade “piel de sapo”
1 vaso de auga
1 culler de mel,
2 se o melón non está doce dabondo.
Un chisco de canela (opcional)
- Cortamos e pelamos o melón, retirámoslle as sementes. Cortamos en dadiños de 2 cm. de grosor.
- Nun bol metemos todos os ingredientes e pasámolos pola batedora ou trituradora ata facer un líquido homoxeneo.
- Deixámolo arrefriar na neveira unha hora.
- Botámolo aos poucos na máquina xeadora.
- Servimos en vasiños, axiña, para que non derreta.