Se non publico máis receitas de peixe non é porque guste del, pero sempre acabo facéndoo ao forno sen máis e tampouco me parece que iso teña tanto segredo coma para facer un artigo. Desta vez fun un pouco máis aló e din con esta saborosa receita, tan sinxela que non sei como non a probara antes.
En Ourense dise que hai moito tempo, cando a ponte romana non estaba acabada, os obreiros que traballaban buscando ouro no Miño fixeron folga porque estaban fartos de comer salmón todos os días, de tanto que había: como cambiou a cousa! De todos os xeitos, aínda quedan lugares en Galicia onde degustar salmón autóctono, coma na Estrada que celebra en maio a súa coñecida festa do salmón. Non a perdades!
Ingredientes (para catro racións)
500 gr. de solombo de salmón sen pel (en catro filetes)
Reladura de medio limón (despois faremos rodas del para decorar)
30 gr. de manteiga, derretida
4 culleres de pan relado
1 culleriña de pementa negra, recén moída
1 belisco de sal
- Prequecemos o forno a 180º
- Nunha cunca grande mesturamos o pan relado, a pementa, a reladura de limón e a manteiga.
- Untamos os filetes pola parte de arriba ca mestura do paso 2. Colocámolos nunha bandexa e engadimos unhas rodas de limón de 1 cm. de grosor ao carón do salmón.
- Cocemos no forno, preto da parte de arriba durante 10 minutos, ata que a cobertura estea dourada e crocante.
- Servimos acompañado de cachelos, arroz branco ou verduras.
Que aproveite!
Un comentario en “Salmón ao forno con limón e pementa negra”